Saltar ao contido

Rescate financeiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Rescate financeiro (bail-out en inglés) é o termo que se lle atribúe á acción de concederlle unha axuda económica a unha empresa ou a un Estado que estea sufrindo unha seria dificultade financeira ou unha situación de quebra. Este termo tamén pode ser utilizado para referírmonos ao feito de permitir que unha empresa en situación próxima á ruína quebre sen que se produza contaxio financeiro. Un rescate pode evitar un proceso de insolvencia, aínda que isto non acontece sempre.

O termo procede do vocabulario de ámbito marítimo e significa "achicar auga dun barco que se está a afundir utilizando un balde pequeno". O termo bail-out (rescate) diferénciase do termo bail-in (rescate interno), acuñado ao redor de 2010, en que os propietarios de bonos ou os depositantes de institucións financeiras sistemicamente importantes a nivel mundial (en inglés G-SIFI: Systemically Important Financial Institution) son obrigados a formar parte do proceso, mais os contribuíntes supostamente non. Algúns gobernos teñen autoridade para participar no proceso de insolvencia: un exemplo disto foi cando o goberno dos Estados Unidos interveu no rescate a General Motors entre os anos 2009 e 2013.

Un rescate pódese realizar por mero beneficio, por exemplo cando un investidor predador restablece unha empresa que ten moitas dificultades comprando as súas accións a prezos de saldo; para a mellora social, por exemplo, falando hipoteticamente, un filántropo reinventa unha empresa non rendible de comida rápida tornándoa nunha rede de distribución de comida sen fins lucrativos; ou se o rescate dunha empresa fose considerado unha necesidade para evitar grandes problemas socioeconómicos: por exemplo, o goberno dos Estados Unidos asume que o transporte é a columna vertebral da súa economía, o que mantén o poder xeopolítico da nación. Así pois, o goberno estadounidense ten como política protexer do fracaso as maiores empresas do país dedicadas a esta actividade (empresas aéreas, empresas petroleiras etc.) mediante subvencións e préstamos con xuros baixos. Estas empresas, entre outras, son consideradas «grandes de máis para caer» dado que o goberno considera os seus bens e servizos como produtos de primeira necesidade para manter o benestar da nación e, acotío, de forma indirecta, a súa propia seguridade.

Os rescates de emerxencia realizados polo Estado poden ser controvertidos. Por exemplo, en 2008 xurdiron debates de se rescatar ou non o sector automobilístico estadounidense que estaba fracasando e de como facelo. Os contrarios, coma o neoliberal Hugh Hewitt, viron este rescate como algo totalmente inaceptable para os contribuíntes. Hewitt censuraba calquera rescate para as denominadas Big Three (as tres principais empresas de automoción americanas: Ford, General Motors e Chrysler) argumentando que a mala xestión fora a causante da quebra destas empresas e, polo tanto, merecían ser desmanteladas organicamente polas forzas do mercado libre para que os empresarios puidesen xurdir das súas cinsas; afirmaba, así mesmo que o rescate crea normas máis permisivas para as grandes empresas ao incentivar o risco financeiro, que á súa vez xera risco moral, xa que garante a existencia dunha rede de seguridade (outros pagarán) que non debería ser considerada nas ecuacións de negocios, mais, desgraciadamente, si que a é; por último, o rescate promove a burocracia centralizada ao permitir que os poderes do goberno determinen as súas condicións. Outros, como o economista Jeffrey Sachs, caracterizan este rescate particular como un mal necesario e argumentan que a probable incompetencia da xerencia das empresas de automoción non é unha razón suficiente para deixalos fracasar completamente, co risco de perturbar a delicada situación económica (actual) dos EUA, onde tres millóns de persoas dependen da solvencia das Big Three e a situación xa é sombría abondo. De calquera xeito, para representar as cuestións de forma simple, pódense xeneralizar os puntos de discordia neste caso maiormente, as virtudes da iniciativa privada en comparación coas da planificación central, e os perigos da volatilidade dun mercado libre fronte aos perigos dunha burocracia socialista. Alén diso, os rescates realizados polos gobernos son criticados por considerarse medidas que garanten o benestar das empresas, incentivando a irresponsabilidade empresarial e permitindo o risco moral. Os gobernos de todo o mundo teñen rescatado empresas dos seus países con certa frecuencia desde o inicio do século XX. Polo xeral, as necesidades das entidades rescatadas son subordinadas ás necesidades do Estado.

Bailout (rescate) fronte a bail-in (rescate interno)

[editar | editar a fonte]

Esta ferramenta de rescate interno (bail-in) chamou a atención de todo o mundo por primeira vez en Chipre, como se verá a continuación, mais xa se falara desde 2010. A resolución das G-SIFI constituíu o obxecto dun documento conxunto da Reserva Federal e do Banco de Inglaterra en 2012. O Consello de Estabilidade Financeira (Financial Stability Board, FSB) publicou en outubro de 2011 un documento de orientación titulado Key Attributes of Effective Resolution Regimes for Financial Institutions, que trata do sistema de rescate actual. O campo de acción deste réxime de rescates internos planeados (bail-in) para os países participantes non se limita só aos grandes bancos nacionais, senón tamén a entidades «sistemicamente significantes ou moi importantes». Ademais tamén se aplica a outras dúas categorías de institucións: por un lado as G-SIFI, noutras palabras, os bancos transfronteirizos que están operando nun país que está realizando un rescate interno (bail-in), e por outro lado as Infraestruturas dos Mercados Financeiros (en inglés Financial Merket Infraestructures, FMI) coma as cámaras de compensación. A inclusión das FMI nos rescates internos potenciais é en si mesma unha diverxencia considerable. O FSB indica que entre estas infraestruturas se inclúen sistemas multilaterais de compensación e liquidación de valores e produtos derivados e toda unha serie de sistemas de intercambio e transacción, coma sistemas de pagamento, depositarios de valores (DCV) e rexistros de operacións. Isto podería significar que, nun hipotético caso no cal un acredor non asegurado presente unha reclamación, por exemplo contra unha cámara de compensación, ou contra un mercado de valores, esta reclamación podería quedar cuberta se a institución precisase ser rescatada. A inclusión das FMI significa que gran parte do sistema financeiro mundial é susceptible dun rescate interno e que podería ser rescatada. O antigo subdirector do Banco de Inglaterra, Paul Tucker, escolleu comezar a súa carreira académica en Harvard cun discurso pronunciado en Washington en outubro de 2013 e dirixido ao Instituto Internacional de Finanzas no cal suxeriu que os bancos e outras institucións dos Estados Unidos xa non debían ser consideradas «grandes de máis para caer» e a partir deste momento poderíase proceder a un rescate interno nos mesmos. No congreso da comunidade financeira da Unión Europea sobre o «Futuro dos bancos en Europa» (en decembro de 2013) participou o ministro de economía irlandés, Michael Noonan, quen propuxo un plan de rescates internos, tendo en conta que as alianzas bancarias se estaban a debater durante o evento. O subdirector do Banco de Inglaterra, John Cunliffe, suxeriu en marzo de 2014 nun discurso pronunciado no Real Instituto de Asuntos Internacionais que os bancos nacionais eran «demasiado grandes como para caer», e que en lugar de nacionalizalos, coma sucedera co grupo HBOS e co Banco de Escocia (RBS) e estivera a piques de suceder co Barclays (todos a finais de 2008), a partir de agora podería procederse a realizar rescates internos. O economista Graeme Archer puntualizou, en marzo de 2014, que ningún castigo persoal (como o despido ou o encarceramento) é necesario segundo a última lexislación e polo tanto, unha acción correctiva é improbable.

Práctica

[editar | editar a fonte]

A diferenza entre rescate (bailout) e rescate interno (bail-in) percibiuse por primeira vez durante a crise financeira de Chipre entre 2012 e 2013. Dous bancos chipriotas foron expostos a un recorte á alza dun 50% no 2011, durante a crise da débeda de Grecia, a cal provocou o temor a un colapso dos bancos chipriotas. Os rumores circularon durante un tempo ata que a principios de 2013 acadaron un punto crítico. O 25 de marzo de 2013, a Troika, unha pouco clara coalición entre a Unión Europea, o Banco Central Europeo e o Fondo Monetario Internacional, anunciou un rescate de 10 mil millóns de euros coa condición de que Chipre accedese a pechar o seu segundo banco máis importante, o Banco Popular de Chipre (tamén coñecido como o Laiki Bank). Os chipriotas tiveron que aceptar a confiscación de todos os depósitos que estaban sen asegurar, e posiblemente en torno a un 40% dos depósitos non asegurados do Banco de Chipre (o maior banco da illa). Ningún depósito sen asegurar igual ou inferior a 100 000 € se vería comprometido.

A confiscación de todos os depósitos superiores a 100 000 € considerouse un rescate interno, para diferencialo dun rescate debido á confiscación dos fondos dos depositantes. O Banco de Chipre levou ao cabo o rescate interno a favor dos depositantes o 28 de abril de 2013.